Antes de regresar da Toscana sempre convén dar un paseo tranquilo por Siena. Algunhas compras de última hora, un gelato ambulante, unha visita á catedral algo máis baleira có día do palio. E, coma sempre, uns intensos intres antes de abandoar a cidade na piazza del Campo, unha das prazas máis fermosas, se non a máis fermosa (con perdón do xeométrico e grandioso Obradoiro), do mundo.
Desta vez sentamos nas terrazas a tomar un spritz de despedida. Ver pasar a xente é probablemente unha das miñas afeccións predilectas. En Siena, ese pracer multiplícase pola variedade e pola beleza que amosan (non sei se serei eu demasiado partidario neste caso) as xentes (homes e, sobre todo, mulleres) daquela cidade. Non sei se é pola cor da pel docificada coa luz incomparable daquel lugar ou pola forma de vestir elegante sen estridencias (sempre coa excepción das gafas) daquelas damas e daqueles cabaleiros.
Tivemos a fortuna aquel día de vermos pasar por alí aos mozos e mozas da contrada da Oca que ían en procesión informal co palio gañador (un estandarte luxosamente labrado para a magna ocasión) lembrándolle (e de paso tocándolle os narices) a toda a poboación sienesa a súa victoria. Entraron pola praza prorrumpindo en cánticos e pararon diante de nós, na mesma cafetería do Mangia onde estabamos, para tomar unha copa (ou un refresco os máis novos ou nada os pequenos) no seu paseo triunfal por toda Siena.
Ese era o momento de mirar á Torre do Mangia. O sol estaba baixando e ía desaparecendo paseniño o seu reflexo das paredes vermellas do edificio. Eran as oito menos dez dun 18 de agosto. Non resistín a tentación de fotografialo. Seguimos a falar entretidos co espectáculo multitudinario da praza durante unha media hora máis. E ás 8 e media volvín mirar para a Torre. O sol xa marchara había un anaco, a lúa podíase albiscar tras o concello, pero a luz do solpor parecía aínda máis intensa ca antes. Non fun quen de comprender o fenómeno: fixen unha nova foto para comprender aquel fulgor último do sol. Posta unha ao lado da outra, resulta complicado explicar o tránsito do tempo.
Con estas imaxes que aínda perduran damos consolo a estes meses de inverno nos que habitamos fóra daquela nosa casa, daquel noso sol necesario.
Nessun commento:
Posta un commento