Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 settembre 2010

APUNTES TOSCANOS 6

De volta de sant'Anna in Camprena, un pode parar, eu que sei, a media tarde en Pienza, a pequena cidade plenamente renacentista, construida por apetencia intelectual de Eneas Silvio Piccolomini, o Pío II que dá nome á vila, un papa admirador da cultura clásica. Sentarse nas bancadas do Palazzo Borgia e contemplar o seu duomo e o propio Palazzo Piccolomini é unha proba de resistencia de estirpe stendhaliana. A calor estiva non facilita as cousas. Pero deixas pasar o tempo mirando ao infinito que se atopa entre o travertino das fachadas e o azul intenso do ceo. Esa mirada perdida, sentado á sombra, coa sensación mareante do pracer estético, é a meta íntima de calquera viaxe a Toscana.
Unha das metas, a verdade, porque a outra é a de entrar na charcutería da rúa principal, o cardus ou o decumanus, tanto ten, da Pienza renacentista, por entre as cortinas mosquiteiras. Entrar e aspirar o perfume dos salumi, das coppe, dos prosciutti, da bresaola, da cinta senese. E, sobre todo, o arrecendo a rosmarino, pementa, fiuncho e sal que xorde do máis profundo da porchetta. Nese momento, aclaras a voz, impostas o teu italiano de andar por casa e pides unhas fette daquel maxestuoso porquiño. E miras o reloxo por se a hora aconsella levalo para a cea ou construirse in situ un excelso panino para a merendina co pan sen sal da Toscana (compensado coa maior salgadura dos embutidos). Coas lascas do croccante por riba (o summum, vaia), a charcuteira envolve as lonchas da porchetta. Ti, coa bolsa xa na man, saes triunfante da tenda, enfías Pienza abaixo, compras unhas botellas de Chianti e trazas as curvas do val d'Orcia co coche ata casa nun estado de parva e intensa felicidade.

Nessun commento: