Inception, a última película de Nolan, suscita polémica. Sen chegar aos estremos de xente que a considera unha obra mestra (sen dúbida opinión nacida dunha carencia notable na disciplina da historia do cinema), colegas, familiares e amigas aprezan o intento do director por sorprender ao público e admiten que o pasaron moi ben no cine. Por respecto á súa impresión, dedico este pequeno espacio ao despotrique.
Dicaprio aparte (capaz por si solo de resucitar unha versión mesmo de Manolo la nuit), Orixe non ten por onde collela, desde o meu punto de vista completamente retorto pola afición á comedia e ás maneiras aristotélicas de entender a arte como unha imitación verosímil da realidade. Admito de antemán mi incapacidade para disfrutar coa ciencia ficción, coa fantasía, cos mundos inventados, cos planos da irrealidade. Se por riba se lle engaden unhas pílulas (indixestas por definición) de onirismo (onanismo tamén vale) de corte freudiano ou seudofreudiano ou parapsicolóxico, o delirio estomagante está servido.
A película, non obstante, ten o mérito de divertir algo a quen, coma min, pasa de niveis de soño, de abismos intrasensoriais, de realidades paralelas ou de escaleiras de Escher. Ten momentos de acción trepidante, con esceas á moda de Bourne, moi sospeitosas de seren creadas para 3D (hai unha versión para IMAX), pero alongadas sen razón aparente, agás a de proxectar cara o público obxectos punzantes ou moles aplastantes. Esta mistura de ensoñación delirante, que permite ao público amante destas paranoias entreterse pensando en que nivel se atopa (como ocorre nas fases dos videoxogos), con rasgos dunha película de xénero de acción, tipo Matrix, Misión Imposible, as de James Bond ou a citada saga Bourne, é, para min, a clave da decepción. O director amosa así unha empanada mental da que non sabe saír en ningún momento. Prolonga así, con sentimentalismos ridículos (a topiquísima tensión entre a matemática fría e o lume do amor, entre mortalidade vívida e inmortalidade letal ao xeito case paródico de Blade Runner), con trucos de guión arbitrarios (facer que voen os personaxes pola ausencia de gravidade suponse que para probar un aparato de efectos especiais), con esceas de liortas interminables, coa creación de personaxes directamente superfluos (probablemente por afinidade cun Ocean's Eleven ou co cine de pandillas ou de bandas de ladróns intelixentes), con interpretacións involuntariamente autoparódicas que provocan máis a risa que o suposto dramatismo, e cuns diálogos directamente cómicos na súa superposición de trangalladas seudosicoanalíticas para xustificar o inxustificable.
O autor da interesante Memento, con todos os tics do director trampulleiro que recoñecemos desde Hitchcock, debe rectificar se quere que, polo menos eu, volva ir ao cine a mirarlle unha obra súa. Mentres tanto quen queira mirar esa mesa de trile que é Inception, que polo menos vaia sobre aviso.
3 commenti:
Non podo estar máis que de acordo. Eu si que podo disfrutar da ciencia ficción, desde Blade Runer ata Star Trek, pero francamente, para ver esta parida prefiro ver algo simplón tipo A guerra das galaxias.
Se nos queremos poñer serios coa ciencia ficción, pois ou nos sae Blade Runer ou 2001, ou mellor deixámolo.
Aínda que para min é máis infumable Avatar.
Esta peli foi calificada nalgún lugar como obra mestra. Esta peli será esquecida tan pronto como desapareza da carteleira. Ninguén a mirará máis. Non será punto de partida para ninguén. Non terá ningunha influencia no cine posterior. Por que, logo, unha obra mestra?
É un videoxogo. Ata ten as instrucións e todo: é unha película na que explican todo antes de que suceda, non vaia ser que o espectador non se entere do que está vendo. Ao mellor a cousa melloraba tendo que adivinar que carallo pasa coa furgalla que cae sen caer. Pero o director non se fía de ser capaz de explicalo coas propias imaxes, e iso é malo: cine do malo, quero dicir.
O exemplo máximo é o da arquitecta ou aprendiz de arquitecta. Despois de explicarlle o Di Caprio o marabillosa que pode resultar a arquitectura onírica (a onanista é a que coñecemos todos), o único que é capaz de crear a suposta xenia é unha ponte normaliña de todo, un garaxe abandonado e un bunquer "de libro" na neve. Pouca imaxinación ata para un arquitecto.
E as escenas de acción... Mire: vou ver a peli outra vez só para fixarme mellor, pero estou seguro de que na persecución na neve a un dos malos (ou dos bos, vaia vostede saber: van todos tapados) mátano polo menos 10 veces. Ao mellor iso é normal en Origen e o explicaron ao principio cando o dos niveis e tal. Debía estar despistado.
ou sexa, que non lle gusou vaia...jajajajaja...bueeeeeeno, e que é que che deu no cravo meu, tal que feita para o teu (dis)gusto. Para contrarrestar, amigo, vai ver as "vidas posibles de Mr. Nobody", aposto unhas luras a que te fas seareiro da ciencia ficción ben feita, e ademais, ¿DiCarprio de que? anda, anda....mira para o Jared Leto adobiado para todos os gustos, mimá, buf...cuatro vuelticas por el cuarto sueño le da al Leonardo. Origen, suponse, que ocupa o papel de Matrix, o referente que necesita tanto filósofo posmoderno para facer as súas referencias aos seus sempre desacougantes novos tempos. Ogallá o director de memento rectifique, si, pero non creo, é demasiado tentador rexeitar o éxito asegurado cando se ten tan claro como conseguilo, porque está "xupao". Pero bueno, na súa crítica, sempre admirabel, non deixo de ver unha intención estética que cicais non lle deixe apreciar algunhas bondades do filme, que tamén as ten.
Posta un commento