Do vello argumentario apenas queda nada: o pérfido arcolito suplantador de especies autóctonas, a inveterada falta de política forestal (fose o que fose o que esto quixera dicir), o paulatino abandono do monte e do campo co conseguinte adeus ao cuidado das silveiras que eu lle daba ao meu amor, a estructura propietaria/societaria das terras, a mardita orografía galaica (cando leo o do macizo galego penso en Mister Xermade), a corrupta rede de contratacións para servicios de mantemento contraincendios sempre coroada coa sospeita de que os bombeiros son pirómanos que cobran por comisión de lapas, a lei da selva medieval entre camponeses na que non poden faltar palabras como envexa ou vinganza, o xullo demasiado xullo e o agosto demasiado agosto, o alegre turistilla amante do churrasco e do chourizo crioulo.
Todo isto quedou atrás. Agora o que se leva é a ecuación tolo + monte= lume. Ou sexa que en habendo monte (que o hai) e en habendo tolo ou tola (que tamén o hai) hai un risco elevado de que prenda o lume. Hai que recoñecer que esta razón resulta a máis pracenteira e a máis consolatoria. O ano pasado, uns aspirantes a Truman Capote deleitaron o final do verán nos xornais galegos con relatos estarrecedores, con foto incluida, sobre a vida tormentosa dos detidos. A ficha policial apuntaba a desvaríos mentais e a comportamentos asociais moi tranquilizadores. Coma nos contos infantís, reaccionarios case por esencia, sempre hai un tipo (ou unha tipa), o Golem, que rompe a harmonía perfecta dunha vila, dunha xente. O tipo, nos contos, aparece castigado coa morte, non sen antes pasar por torturas ou por un linchamento feroz por parte das batidas que se crean a tal efecto. Agora o sistema consiste en quitalo na prensa, coa conseguinte competición entre os representantes políticos (sen falta de ministros/as) por ver quen apunta máis alto no insulto, sen nomes iso si, non vaia ser. Desta forma, a sociedade comproba que todo funciona óptimo e o único que falla é a saúde mental dun individuo que en lugar de darse ao vicio de beber (como declaraba un deles) dalle por prender un misto en sálvase sexa a parte. A comodidade de pensar que non son eu o responsable de todo esto alivia moito a conciencia.
Agora ben, por que tolea unha persoa e tolea con esa mesma intención, nesa mesma dirección e ademáis nas mesmas datas do ano e nos mesmos sitios ou similares? Chi lo sa? Ao mellor para o ano, cando veñan as anduriñas ao noso balcón os seus niños pendurar, inventan a continuación desta historia.
1 commento:
é de urxencia volver ás raíces...
Posta un commento