O día da proba anterior ao palio, domingo día 15 de agosto, é o día das contrade. Os nenos e as nenas ocupan o palco principal, o que está ao lado do magnífico concello. E aínda que están ao sol da tarde, aguantan, con cánticos, a espera. Levan pantalóns curtos, uns tenis con escarpíns, unha camiseta coas cores da contrada e o inevitable pano coa insignia do seu barrio. Van aprendendo a desfrutar deste espectáculo, que resulta un dos máis desproporcionados que coñezo, xa que a breve duración da carreira concita pola contra un ano enteiro de xantares comunitarios nos adros das igrexas e das capelas, de retóricas épicas nos discursos de fraternidades, de probas tan intensas como a propia carreira, de contratos de fantini entre clandestinos e trampulleiros, de doping para cabalos propios e alleos, de repinicares primorosos de tambores, de exercicios de abandeirados (alfieri, alfiles, alféreces), de cortexos cívicos coa simulación dun medievo demasiado persistente e alegremente artificioso.
A imaxe destas nenas tranquilas, coas súas gafiñas de sol e os seus panini da merendina, pon o contrapunto a esta turbamulta festiva, axitada e enfebrecida que incendia Siena dúas veces ao ano nos meses de verán.
Nessun commento:
Posta un commento