En Florencia chovía. Aparcamos cerca da casa onde pasamos un verán de hai moito tempo, na via Agnello. Todo, como sempre nesta cidade en ferragosto, estaba pechado. Naquela parte de artesáns, pequenos comercios, de casas comunitarias, a suciedade e o abandono eran moi evidente. As pozas que formaba a chuvia sobre as pedras negras do pavimento aumentaba a sensación de descuido. Prometía seguir chovendo e decidimos entrar na santa Croce, por ver as tumbas (máis ben cenotafios porque non hai clavículas nin metacarpianos nin caveiras, según se conta, dentro) dos grandes homes da patria. O Dante, o Miguelanxo, o Maquiavelo, o Foscolo, o Fermi, o Marconi, así que recorde agora mesmo eu. A chuvia non paraba e demoramos, co pracer que esto supón, a visita a todas as dependencias. Cando deixou de chover e pasou a orballar decidimos saír á e camiñar cara o Bargello ou á praza da Señoría baixo as cornisas. Pasar pola fantástica casa de Dante, construida no século XVIII, despistounos algo ou non, segundo se mire, e rematamos polas vías comerciais que é o que a min máis me gusta de Florencia. Procuramos evitar o inevitable e fuximos do miolo turístico para rematar sempre noutros santuarios do grand tour moderno. A comida agardaba nunha trattoria do mercado de san Lorenzo e a sobremesa estaba reservada para o Giubbe Rosse, pero, de novo, os estímulos cambiantes da cidade fixo que mudaramos de planes. Unhas luvas, unha felpa, un caderno, un paraugas foron compoñendo o roteiro, sempre coa intención de pasear por Florencia como quen vai a pasar o día a Compostela. Tras unha breve (brevérrima) visita á marabillosa casa de Ferragamo e á rúa dos Armani, Gucci ou Zegna (máis ca nada por razóns puramente estéticas, para contemplarmos de perto os palazzi renacentistas que os acollen, como se pode comprender), decidimos ir tocar a cachola do porco bravo do mercado da ponte (ese fetiche) e ir mirar o salvaxe mundo dos turistas (no que obviamente nós facemos moitos méritos) facendo fotos na pontevella vasariana. Os Uffizi estaban onde sempre estiveron e a praza da Signoria tamén semellaba non ter mudado moito de aspecto desde a última vez que tomei alí un xeado. Facíase algo tarde e aínda tiñamos que recoller o coche e regresar a casa pola perigosa superestrada que vai a Siena.
Non quedaba de camiño, pero demos o rodeo oportuno para non resistirse á tentación inevitable do mármol.
Nessun commento:
Posta un commento