Camiño hoxe polo vieiro do Lagares, desde Samil ata Balaídos e máis aló, concretamente ata o propio parque de Castrelos tras pasar por unha traseira de Portanet completamente indecente para un concello democrático dun país relativamente rico en pleno ano 2010. Nunca o fixera. E nunca o volverei facer a menos que o cambien de xeito radical.
O recorrido pasa ao lado dun río en estado previo á putrefacción. Podemos imaxinar que vai limpo porque andan por alí parrulos e ao final na xunqueira mesma do Lagares gueivotas e mesmo podemos ter a suficiente compracencia cos que tiveron a idea de poñelo algo xeitoso por non parecer o típico destroyer. Podemos facer eses exercicios de boa vontade. Pero non. O río non é un río: leva auga, ten pedras traidas das canteiras de Porriño para figurar pequenos saltos e nalgures parece que hai area (algo moura, tirando a cores escatolóxicos), pero o conxunto mágoa calquera pequena condescendencia. Claro que o recorrido atravesa as traseiras de varias naves industriais, algunhas case sobre o mesmo río, con materiais de derribo á vista e con escaso cuidado en xeral polo entorno. Estamos ao final de agosto e é ata certo punto normal que as silveiras das beiras do río estean sen rozar (aínda que no parque si o están), pero a paisaxe non merece que ninguén pouse os seus ollos alí medio segundo. Os pasos por debaixo das estradas, en particular á altura da zona franca, ofrecen un panorama gore desolador. Isto sen contar o cheiro na parte da depuradora, nin o xeral arrecendo a auga metálica que xorde a cada paso.
En fin, unha experiencia penosa que creo non repetirei nunca máis. Agora ben, supoño que nalgún lugar do concello (deste ou dos anteriores ou dos que sexa) haberá alguén satisfeito con aquilo. Non se consola quen non quere. Xaora.
1 commento:
Galicia está chea de panoramas visuais desoladores como o que vostede tan ben describe aquí. Alégrome de que chame vostede a atención sobre este feito. NOn sei quen dixo que a alma das persoas e dos pobos é visible no exterior, no entorno creado polas persoas. Se isto é certo, os galegos temos a alma bastante ferida ata a podremia.
Saúde.
Posta un commento