Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 gennaio 2011

O -E PARAGÓXICO


Escribía hai pouco coa súa lixeira retranca Manuel Rivas sobre a marabilla de escoitar(e) o -e paragóxico. Aínda que fose xa nos tanatorios. Eu, que non é que sexa neofalante, senón que é para min o galego unha lingua nova e aprendida (iso si, coa vantaxe de falar de sempre en asturiano familiar), tírame iso do -e.
Non sei se é por influxo das moitas cancións tradicionais adeprendidas (ata meto estes enxebrismos da prehistoria do meu aprendizaxe do galego, anossetentaaspontes, librería Do neno) ou do italiano que leo todos os días e que conserva o final vocálico latino nos infinitivos (non sempre: as mozas que visitaban a Berlusconi dicían amo por amore). Pero a min ás veces me sae e teño que recoñecer(e) que ningún amigo/colega galegofalante o emprega.
Vou facer(e) unha proposta para os convencionadores/as do galego normativo: na vindeira reforma, atrévanse a pedir(e) que nos infinitivos alomenos deixen estar(e) esta peza única e senlleira da lingua. Ou alomenos, en distribución complementaria (coma o artigo O', co til para os bares), cando a frase, a cláusula ou a oración, remate en -r.
Gracia que un espera merecer(e).

Ilustración: a palabra pane xa a ten que levar fixo.

5 commenti:

Agrimensor ha detto...

Abraiado me deixa, señor Arumes, con esta enxurrada de posts nas últimas vinte e catro horas. Si, señor! Un pracer, os textos e as ilustracións. Ha ser(e)influencia da primavera, que xa se intúe, polo menos en Vigo.

Xosé M. González ha detto...

E as rematadas en -n tamén, como potestativa; co ben que soa, xa que é velar, ben o merecía: corazonhe. Non sei, porén, se se dará compaxinado na norma.

Mágoa que unha das cousas que se perden sexa a fluidez prosódica da vella expresión; parte da enerxía usada na emisión daba para -e(s) paragóxico(s) nidios, suaviño, case mudos, neutralizados (amore, amorɘ?, amori)... Non sei se me explico.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Abofé, amigo Saavedra. O n velarizado. Non preferiu a norma escoller o non seseo e a non gheada, cando é menos xente a utilizalo? Con menos razonhe.

erre erre ha detto...

¿Onde se pon un "gústame" para o comentario do Agrimensor?

Sobre o tema: eu teño unha veciña que os larga sempre tan bonitos e mesturados cos, como se chaman os ies que van polo medio? ¿epentéticos? Dá gusto oíla. Suscribo a proposta. E a do señor X.M.González tamén(e)

Abelaíña ha detto...

Ola:

Cheguei ao teu blogue rebotando de ligazón en ligazón. Curiosamente, onte botaron na TVG unha película australiana que se titula "Wolf's Creek" e o asasino, para a vosa ledicia, soltoulle a unha rapaza un "Voute matare" moi entrañable, aínda que este adxectivo poida soar mal pola situación.

Saudiña :)