Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 gennaio 2011

REFLEXIÓNS NON MELANCÓNICAS SOBRE CAIXAS, POBOS E FOLGAS


Deulle ao coco ben duro onte Marcos S. Pérez Pena e cadrou un extraordinario post sobre a folga de onte. Tamén cadrou onte o maquiavélico Barreiro un parágrafo retranqueiro sobre Guillerme Vázquez e a melanconía social do BNG. Marcos cre que o nacionalismo perdeu hexemonía á moda gramsciana, malia ter a CIG como baluardo sólido. Barreiro alaba, por contra, que o BNG non só dea coherencia a un discurso político senón que sexa quen de impregnar, en paradoxo, a praxe feixoiana en materia de galeguidades. Ao tempo que Marcos nega a influencia político-cultural do nacionalismo (co BNG en cabeza), Barreiro considera que a formación nacionalista fornece de materia substantiva o modelo de defensa do propio que, por comenenza, Feijoo de cando en vez artella. Os dous parecen distantes, pero conclúen nun mesmo punto: a importancia do discurso da galeguidade e a nula relevancia da mesma. Marcos argúe coa ollada posta na carencia dun proxecto propio, dunha sociedade artellada sobre a idea de Galicia, non subsidiaria (aínda que el sempre antepón o marchamo esquerdista); e Barreiro, sobre o certidume de que esa realidade non existe nin existirá. Marcos reclama esa hexemonía; Barreiro considera inútil calquera paso nese sentido. Maior ou menor grao de optimismo/pesimismo histórico acompaña unhas reflexións pouco melancónicas, moi interesantes mostras do estado da cuestión.

Ilustración: fotograma de El hotel eléctrico, de Segundo de Chomón.

8 commenti:

Anonimo ha detto...

Truffaut foi crítico de cine antes de poñerse el mesmo a facer películas. Se Truffaut pasou a historia foi polas súas magníficas películas.
Barreiro foi un político nefasto que saíu desta actividade pública co rabo entre as pernas, nun absoluto fracaso e coa súa integridade posta en cuestión. Agora dá receitas cargadas de prepotencia e arrogancia, pero nótanselle demasiado os trucos de trilero e os artificios dialécticos.

Xosé M. González ha detto...

Compárese a ilustración - antiga e reivindicativa- do artigo de Pérez (http://unventoven.blogaliza.org/files/2011/01/P1100193.jpg) coa existencia -cativa, pero real de moderna- da TVG. Sexa avaliado o papel de Barreiro Rivas na xénese da emisoria co carácter que ten.

Eu penso que cómpre matizar o do 'absoluto fracaso'.

xoán ramón díaz ha detto...

Pois eu recibín hoxe por correo desde París, enviado por unha boa amiga, o libriño INDIGNEZ-VOUS! de Stéphane Hessel e devoreino en canto puiden.

Observo con ansiedade e esperanza os acontecementos de Túnez, Exipto, Yemen...

¿Como puidemos chegar a este grao de enaxenación case absoluto na vella Europa? ¿E no caso de España? ¿Trinta anos abondan para tirar polo chan todas as conviccións? (Poño conviccións, porque me asusta falar de valores)

¿Teremos que volver os vellos ás barricadas?

ms ha detto...

O pobo non quere Terra. O pobo, no fondo, é moi conservador e aínda non se viu tan perdido que teña que facer barricadas na rúa. No fondo pensa que isto da crise pasará axiña. O que ten un bo emprego vive mellor que nunca. O outro, pois aínda está a cobrar o subsidio de desemprego e a pagar os prazos da tele de 40 polegadas. Aínda ten seguridade social gratis e algo de pensión lles caerá. Se non hai parné, sempre podemos tirar dos aforros dos patronciños. E non nos esquezamos de que os galegos aínda podemos emigrar. Aínda podemos gañar unha oposicionciña e as do Gaiás axiña serán convocadas. A prensa aínda pode sobrevivir uns aniños máis coas subvencións institucionais. Isto é Europa: aquí non vai haber revolucións sociais. Se os bancos e caixas van á merda, sempre haberá un FROB ou un rescate que nos saque do pozo.

Turmano ha detto...

Eu ía dicir case o mesmo, ms, así que xa non digo nada. Bueno si: comparar a nosa situación coa de Túnez, Yemén, Marrocos, Exipto...

xoán ramón díaz ha detto...

Iso todo tamén o sei eu, e non lles son tan conainas como para comparar España con Tunisia ou Iemen. Pero aquí xa non temos nin esperanza. Polo menos eu non vexo que esperanza se pode ofrecer a un pobo que se foi ensumindo paulatinamente na indixencia moral, intelectual, política, social. L'indifférence: la pire des attitudes, nos di o vello xudío alemán nacionalizado francés. Resulta conmovedor -alomenos a min me resulta conmovedor- ver como o vello resistente de 93 anos, diante do panorama que ofrecen as diversas sociedades que compoñen occidente, retorna aos valores recollidos no programa do Conseil National de la Résitance, cando había que rexenerar Francia, rescatala das cinzas da barbarie, da infamia, da enaxenación máis absoluta. (Era terrorismo ou guerra de guerrillas o que facían os resistentes?)

Pero por estes pagos somos tan papaleisóns que botamos toda a nosa indignación contra a lei do tabaco, mentres estamos sendo sometidos ao expolio de todo aquilo que nos fixo ser o que somos (ou fumos).

Eu si estou indignado, pero canto Un adiós a Mariquiña mentres me ducho. De paso comprobo o grao de degradación da miña voz de barítono/baixo.

Saúdos cordiais. Moitas veces me pregunto que carallo pinto eu petiscando aquí e acolá nestes blogues de Deus.

Turmano ha detto...

Vaia, oh! Nada máis lonxe da miña intención que chamarlle ou facerlle sentir conainas. As miñas sinceiras desculpas. Síntoo ben.

xoán ramón díaz ha detto...

Non faga caso. Disimule.