Veño de Santiago polo tren. Collo o rexional, nin trd nin 598. O rexional: ou sexa o que para en todo canto alpendre pareza estación. Escollo a fiestra esquerda: desboto a ollada para o mar. Contemplo (porque a isa velocidade contemplas) as ruinas dunha paisaxe que debeu de ser fermosa; hoxe ademáis cos estragos miudos do temporal, pozas, carreiros enlamados, xunqueiras abatidas, todo parecía estéril.
A vía deste tren viaxa por detrás das casas de Galicia. As fachadas miran para a carretera ou miran para as rúas: para a vía miran o patio de luces dos edificios, os currais de galiñas, os galpóns de ferramentas, artelladas coas uralitas axeitadas, os bonsais de berza a pé das travesas, as paredes sen pintar coa roupa tendida. Non sei se isa é a chamada Galicia interior, pero, entre as froles das cerdeiras e as pingas amarelas das mimoseiras, hai unha secuencia ininterrumpida de desastres minúsculos, que, xuntados por unha ollada melancólica, reúnen só tristeza e amargura. As estacións de Portas ou de Arcade, o apeadeiro de Redondela, están abandonados, cos cristais rotos e as ferruxes dos seus teitos de vergonza. Antes de chegar á estación de Redondela, amoréanse pedras traídas probablemente dunha desas reconstruccións de edificio antiguo: columnas acanaladas, capiteis dóricos enchoupados entre a lama dun aparcadoiro esquecido. Fronte á Ponte de Sampaio, unha pequena illa cunha porta de volutas barrocas e un mirador con pérgola xoga cun pequeno bosque de arcolitos e un poste metálico da luz. Cando chegamos a Vigo, o patio traseiro de Galicia vaise multiplicando en pequenos espacios abraiantes, capaces de conter piscinas de plástico, coches todoterreno, barbacoas, nichos de gadañas e sachos, ocultos para os veciños pero exhibidos con desorde ao viaxeiro canso. Unha viaxe por tren, pensa, sempre pode ser moi instructiva.
6 commenti:
Fixeno só unhas cantas veces, pero o traxeto Santiago-Vigo sempre me pareceu especialmente fermoso. A descrición lembroume á emoción que sentín a primeira vez que vin o país dende o aire (un montón de verde salpicado de charcos e carreiros).
O traxecto de Santiago a Vigo é un dos máis fermosos viaxes que se poden facer por tren. Pero está cheo de imaxes de desleixo, abandono e miseria. Sí, miseria, aínda que poda parecer mentira.
Homenaxe a Carlos Casares. Convite á blogosfera galega
O próximo venres, 9 de marzo, vanse cumprir cinco anos da morte de Carlos Casares, falecido en Vigo o 9 de marzo do 2002. Carlos Casares foi un excelente escritor, un magnífico conversador e tertuliano e, para moitos/as, un amigo e un referente moral.
Propóñovos, se vos parece ben, facerlle unha pequena homenaxe dende a blogosfera galega (refírome a todos os blogs de galegos, de nacemento e de corazón, que se reparten por todo o planeta). Ó cabo, Carlos era un apaixonado dos aparatos e trebellos tecnolóxicos máis orixinais e tamén estaba entusiasmado co mundo virtual e as posibilidades de Internet. Non chegou a escribir un blog, pero tiña un xeito de blog nos xornais (“Á marxe” en La Voz de Galicia), co que comunicaba todos os días con milleiros de galegos e galegas, sendo o columnista máis seguido da prensa galega. Consta ademais que moitos dos seus amigos e colegas chamábano a cotío dándolle datos ou comentarios sobre os temas que trataba nas súas columnas: o equivalente ó que hoxe son os comentarios ós nosos textos nos blogs.
En fin, que se vos parece pertinente, sería moi fermoso que o 9 de marzo todos os blogs que queiran publiquen un pequeno texto en homenaxe a Carlos Casares, lembrando a súa obra e a súa personalidade. Queda feito o convite.
(www.asuvasnasolaina.blogspot.com)
Fermoso lirismo descritivo, propio dos máis sutís creadores. Con prosa poética deste calado o noso país, as súas paisaxes son, se cadra, moito máis verosímeis do que de por si se percibe a primeira vista. Parabéns polo texto e grazas pola información de Alejandro Finisterre.
Saúdos
Modesto Fraga
Resulta curioso cómo dunha realidade tan deprimente pode artellarse un texto desta calidade poética. Parabéns Arume, segue por este camiño que me parece que vas moi ben. Apertas.
O meu post era para dicir o mesmo que di Ana Bande. Eu, que non saquei o carné de conducir ata os 40 anos, fixen moitísimas veces esa viaxe entre desconsoladora e emocionante, pero nunca puiden escribir sobre ela nin sobre esa Galicia -nin interior nin exterior, senón máis ben "posterior"- nin un par de liñas nas que recoñecese tanto como no texto de Arume esa paisaxe e as súas evocacións. Hoxe, hai uns minutos, lendo ese texto, volvín ir de Santiago a Vigo, unha tarde calquera.
Posta un commento