Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 gennaio 2011

CLASSHEAD REVISITED

Recomeza o curso este luns día 10 de xaneiro e remata ipso facto o martes día 11 de xaneiro. Sic, sic e sic. Comezou a mediados de setembro co característico ralentí de primeiros días: chegada dos locais de forma tímida: catro ou cinco o primeiro día, seis, o segundo, dez, o terceiro. Na segunda semana chega algún dos programas para maiores, que ignoraba o día do comezo do curso ou non tiña claro se vir ou non vir. Chegan durante eses días seis estudiantes chineses que ao final non voltan (son de nivel 0 de español), pero hai que lles explicar de novo o programa ou algo así. A finais de mes chegan os visitantes erasmus, convencidos de que ao retraso habitual europeu das clases hai que engadir o clásico retraso hispánico con respecto á Europa: doble erro que obriga a comezar máis en serio as clases a principios de outubro, tras un mes máis ou menos xa de rodaxe.
Organizas o curso, contando con decembro case enteiro, incluido o día 22, coma sempre. Os Erasmus teñen gañas de marchar canto antes e, cando miran que no calendario hai un acueducto a primeiros de decembro e que despois poucas clases máis hai, reservan con antelación máxima os avións de baixo custo para liscaren a mediados de decembro ou mesmo antes. Ou sexa, unha semana coa clase medio baleirada e a semana final cos locais preparando xa as festas e ceas de fin de curso e algún foráneo que para pasar as vacacións na neve ou nos aeroportos prefire pasala en Andalucía.
E á volta de vacacións, este marabilloso colofón de dous días, dous, para rematar o periodo de clases. Logo veñen os días de exame, esa excrecencia dos tempos ante Bononiam, que a universidade aínda conserva como un residuo dos tempos en que poñía clases no Estudio Xeral de París e aínda non viñeran polas aulas Abelardo e Eloísa nin a tuna de Teolóxicas.
Total: que terei que coller folgos para estes días extenuantes que me agardan para rematar o primeiro round deste curso académico á par que meándrico e ruidérico. Fortuna audaces iuvat.

A ilustración é de Castle Howard, ao norde de Ingalaterra, en Yorkshire, a mansión onde se rodou Brideshead Revisited.

1 commento:

Ana Bande ha detto...

¡que vergonza!